Santiago acollerá en outubro o II encontro mundial de Asociacións Xacobeas


 O Consello da Xunta autorizou onte a sinatura dun convenio e as condicións de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia e a Federación de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago para a celebración do II Encontro mundial de asociacións xacobeas «2EM», que terá lugar entre os días 19 e 22 de outubro deste ano en Santiago de Compostela.
A celebración, promovida baixo o lema «Asociacións. Memoria e futuro», permitirá ser un punto de encontro para o tecido asociativo xacobeo mundial. Para acadar estes obxectivos, o convenio coa Federación suporá un investimento de máis de 211.000 euros. Para a subscrición deste convenio a Xunta de Galicia valorou a relevancia que teñen as asociacións de amigos do Camiño como entidades sen ánimo de lucro que manteñen os valores xacobeos, promovendo actividades culturais, viaxes e peregrinacións que contribúen a reforzar o coñecemento do Camiño de Santiago no mundo. Con este segundo encontro, ademais de facer unha valoración do estado do tecido asociativo xacobeo mundial, servirá como antesala para comezar a preparar o seguinte ano santo, o de 2027. Cun apartado especial para España, este II Encontro mundial desenvolverá, a través de diferentes sesións de traballo, catro relatorios con expertos mundiais e 15 presentacións de exemplo de boas prácticas en relación coa hospitalidade e o traballo asociativo en todo o mundo. Tamén haberá espazo para a promoción do patrimonio material e inmaterial do Camiño, a preservación dos trazados ou a defensa dos seus valores ou o seu carácter único, aberto e integrador, tanto como experiencia única como itinerario cultural recoñecido.