Remata en Lourenzá o curso de verán sobre a figura e obra de Fernández del Riego


O curso de verán sobre a figura e obra de Fernández del Riego, que se celebra ata hoxe no auditorio do municipio mariñano, está enmarcada na programación organizada polo Concello de Lourenzá e a Real Academia Galega co apoio da Deputación de Lugo e outras institucións, para homenaxear ao tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor laurentino neste 2023 con motivo das Letras Galegas.

Dende a Deputación explicouse que a programación “está sendo unha oportunidade magnificamente aproveitada para estudar, recoñecer e lembrar a Fernández del Riego, enriquecéndonos así como sociedade e como país, e tamén para proxectar o patrimonio, o talento e todas as capacidades que ofrece Lourenzá, A Mariña e o conxunto da provincia”.

A institución provincial implicouse na organización conxunto de actividades durante todo o ano cunha achega económica de 60.000€ ao Concello laurentino, co fin de contribuír a dar a coñecer e poñer en valor a traxectoria de Fernández del Riego. “Dende a Deputación estamos convencidos de que a nosa cultura, a nosa lingua, a nosa historia e tradicións, o noso patrimonio, en definitiva, a nosa esencia como país, é o que máis nos enriquece e o que garante a nosa capacidade para prosperar”, argumentou o Deputado.