A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana 24 saídas no marco do programa provincial "En ruta coa Depo”, unha iniciativa que lles ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos da Estrada, Redondela, Cerdedo-Cotobade, Nigrán, Marín, Mos, O Grove, Salceda de Caselas, Vigo, Lalín, Vilaboa, Ponte Caldelas, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e A Guarda mobilizarán un total de 1.279 persoas (ata 54 por entidade) para coñecer emblemas da provincia coma a ría de Arousa, A Illa de Ons e as Cíes, o monte Aloia en Tui, o conxunto histórico de Cambados ou a Casa da Navegación en Baiona, entre outros.
O martes 5 de setembro a Asociación Coral Rosalía de Castro de Vilagarcía de Arousa fará un percorrido polo castro de Santa Trega, na Guarda, o conxunto histórico de Tui, o monte Aloia e o Alto dos Cubos, mentres que as Escravas da Virxe Dolorosa de Mos farán o mércores 6 de setembro a ruta da cultura mariñeira polo mosteiro de Poio, a illa de Tambo e Combarro.