O programa "En ruta coa Depo" segue mobilizando persoas interesadas en coñecer a provincia. A Deputación de Pontevedra organiza esta semana 27 saídas no marco do programa provincial “En ruta coa Depo”, unha iniciativa que lles ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares do territorio provincial. Entidades dos concellos da Estrada, Cerdedo-Cotobade, Salceda de Caselas, Vigo, Pontevedra, Crecente, Sanxenxo, Porriño, Tui, Cangas, Ponteareas, Bueu e Gondomar mobilizarán preto de 1.200 persoas para coñecer a ría de Arousa, A Illa de Ons e Cíes, o castro de Santa Trega (A Guarda) ou a Casa da Navegación de Baiona, entre outros.
A través de “En ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra está a fomentar a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas, nas que, en total, este ano se darán cita preto de 20.300 persoas de case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100 % co obxectivo de achegarlles o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.