O convento de Santa Clara será a "xoia da coroa de Pontevedra" como capital cultural con recoñecemento internacional


O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, garantiu que a institución provincial “cumprirá escrupulosamente o protocolo asinado entre a Deputación e o Concello de Pontevedra porque, e niso estarán de acordo moitos pontevedreses, o proxecto de Santa Clara é vital para Pontevedra e imos impulsar un modelo de capital cultural con recoñecemento internacional onde Santa Clara será a súa xoia da coroa”. O vicepresidente sinalou que o cumprimento do protocolo, de todos modos, “non impedirá que vaia haber cambios que anunciaremos nas próximas semanas”.

Rafa Domínguez realizou estas valoracións trala reunión da Comisión de Seguimento de Santa Clara, onde se reuniron o vicepresidente provincial, o deputado provincial e concelleiro de Pontevedra, César Mosquera, así como os secretarios e persoal técnico das dúas administracións. Rafa Domínguez sinalou que o obxectivo da reunión foi o de “esclarecer o punto de situación no que se atopa Santa Clara e falarmos cara a cara de como imos enfrontar o futuro nun inmoble que ten que converterse na xoia da coroa do Museo de Pontevedra”.