O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o vicepresidente e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, e o alcalde do Concello de Pontedeume e deputado provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, asinaron o convenio de colaboración para o financiamento das obras de rehabilitación do antigo hospital de peregrinos, un inmoble situado na rúa A Tafona e construído do polo arcebispo Raxoi no século XVII a carón da Igrexa de Santiago.
As obras de rehabilitación suporán un investimento de 375.360 euros, fianciaciados ao 100% pola Deputación mediante fondos Next Generation EU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
A finalidade da actuación é rehabilitar este inmoble histórico, que actualmente se atopa en estado de ruína, para o seu uso como albergue de peregrinos. A instalación era un antigo hospital no que se atendía aos peregrinos na súa viaxe a Santiago de Compostela.
"A sinatura deste convenio vainos a permitir licitar xa esta obra para recuperar o antigo hospitalillo e convertelo nun albergue de peregrinos nun concello no que o Camiño de Santiago está a ter unha repercusión económica cada vez máis importante", sinalou Bernardo Fernández, que destacou o incremento do número de peregrinos na localidade nos últimos anos. O Camiño Inglés incrementou nun 50% o seu número de visitantes desde 2019.