Maruxas, galletas co selo de Artesanía de Galicia


A empresa Maruxas de Nata adhíresxe ao selo de calidade Artesanía Alimentaria. Recolleu a licenza de uso deste distintivo e da carta artesá Patricia Veiga, unha das súas responsables desta firma, que lle foi entregada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

Así, esta firma súmase ás 80 empresas adheridas e ás 115 persoas artesás rexistradas neste distintivo de calidade promovido para diferenciar as producións do agro e do mar que se elaboran de xeito tradicional, así como para protexer os seus produtores.

As Maruxas, son galletas tradicionais, ecolóxicas e artesanais, elaboradas por medio dunha receita da terra. Na súa elaboración empregan unicamente materias primas de primeira calidade, sen aditivos nin conservantes e con selo ecolóxico, pois contan coa certificación do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

Ademais, a empresa foi premiada en varios certames tanto dentro coma fóra da península, sendo recoñecida co Alimentos de España 2011, o Superior Taste Award tanto do 2013 coma do 2013, ou o Gastronomía de Galicia 2022, entre outros.