Detectada e neutralizada a entrada de uva foránea en Valdeorras


O órgano de control do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, independente do Pleno do organismo, denunciou a recepción de uva foránea nun local do Barco de Valdeorras.

Tras detectar transporte de uva procedente dende o local, presuntamente non autorizado para a recepción deste produto, o órgano de control fai un seguemento e intervén a mercancía solicitando aos seus propietarios a identificación da súa procedencia.

Dende o órgano de control, ao detectar presuntas irregularidades, ponse en coñecemento da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, e do Seprona a situación e sinálase que se trata dun caso illado.

O Consello Regulador quere poñer en valor o exhaustivo traballo que realiza o órgano de control, especialmente durante vendima. Un labor que é fundamntal para asegurar a procedencia e a máxima calidade da uva da comarca.