As chegadas a Alvedro creceron case un 50% en xullo con respecto a 2022



O aeroporto de Alvedro acadou un gran aumento na afluencia de pasaxeiros este ano, cun acumulado de 716.694 pasaxeiros totais. Unha cifra que supón un 48,4% máis que no xullo do 2022. "Aínda non se coñecen as cifras do mes de agosto máis todo apunta a unha tendencia moi positiva" sinalou a rexedora da Coruña, Inés Rei. Entre xuño e xullo do 2022 Alvedro recibía un total de 155.935 pasaxeiros mentres que este 2023 foron 229.200, o que supón o incremento do 46,98 % nos primeiros meses do verán respecto ao 2022.

Ademais, tendo en conta só os datos ata xullo, Alvedro superou xa o número de pasaxeiros internacionais do 2022 que contou cun total de 55.500 pasaxeiros procedentes de voos internacionais. Actualmente, Alvedro está a piques de chegar aos 59.000 pasaxeiros internacionais, superando a cifra do 2022. "Como saben esta foi unha aposta deste Goberno municipal dende o seu inicio ampliando a oferta de conexións internacionais e tamén lanzando A Coruña como destino internacional e vemos que eses primeiros pasos están a dar os seus froitos" explicou Rey.