A ocupación hoteleira superou o 86,5 % no conxunto da provincia de Pontevedra no mes de agosto


O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, referiuse este martes en Sanxenxo os positivos datos de turismo da campaña de verán que sitúan a provincia como unha potencia turística de primeira orde. A ocupación hoteleira superou o 86,5 % no conxunto da provincia no mes de agosto e a demanda dos demais tipos de aloxamento dispoñibles na provincia (turismo rural, cámpings, albergues ou vivendas turísticas), así como o número de persoas que visitan os castelos de Soutomaior e Sobroso ou completan algunha das variantes do Camiño de Santiago están tamén en crecemento.

Un balance que non só serviu para poñer o punto e final á tempada turística, tamén marca un novo comezo para o Observatorio de Turismo Rías Baixas, que emprende un camiño cara unha maior transparencia, rigorosidade e interlocución co sector. “En adiante, os datos que se facilitarán desde o Observatorio combinarán a seriedade e a oficialidade do Instituto Nacional de Estatística co coñecemento no terreo do sector. Neste novo comezo turismo, Deputación e sector imos camiñar da man”, declarou o presidente Luis López.