A Noite do Patrimonio regresa a Compostela con espectáculos, roteiros e visitas a edificios emblemáticos da cidade

 


A concelleira de Santiago de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou onte a programación vinculada á Noite do Patrimonio, acompañada da deputada provincial de Cultura, Natividad González, e de Manuel Rial de Trivium, a entidade organizadora.

Míriam Louzao salientou que con esta nova edición da Noite do Patrimonio, "o Concello pon en marcha unha nova liña estratéxica dentro do Departamento de Cultura, á que chamamos Patrimonio C", que ten a intención de "poñer en valor o patrimonio de Santiago desde unha perspectiva ampla, en construción e sempre participada pola cidadanía". O obxectivo é "reafirmar o sentido de pertenza" da cidadanía, aumentando o seu coñecemento sobre o patrimonio e "resignificar espazos da cidade que teñen un uso turístico elevado" para que os composteláns e compostelás "volvan tomalos como propios", detallou a concelleira.

A Noite do Patrimonio inclúe actividades destinadas a dar visibilidade ao patrimonio histórico da cidade, tanto o material como o inmaterial, incidindo especialmente naqueles espazos habitualmente pouco accesibles ao público. Así, as actividades enmárcanse en tres liñas: 'Patrimonio ao Vivo' con actuacións musicais e un obradoiro de baile tradional; 'Patrimonio Aberto', que inclúe roteiros e visitas ao interior do Pazo de Raxoi e no antigo Concello - ZONA C; e 'Patrimonio Agora', para achegarse á arte contemporánea a través de visitas guiadas en varias galerías, e obradoiros de artesanía impartidos por Susi Gesto ou José Castro, entre outros.