A Feira Franca de Pontevedra, exemplo de "festa total"


O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá de luns, 4 de setembro, para ofrecer un balance da XXII edición da Feira Franca celebrada o longo da xornada do pasado sábado. 

«Non se lle escapa a ninguén que foi a máis grande até o de agora, pois a seguinte será aínda mellor», indicou. «É unha festa total, unha festa que medra de xeito comedido cada ano e podemos dicir xa hoxe que estamos a traballar na seguinte edición. É unha festa moi participativa onde toda a sociedade pontevedresa, sexa o tecido asociativo ou sexa de xeito individual, tena marcada no seu calendario».

O rexedor falou dunha edición «masiva», da que quixo subliñar distintas cuestións. A primeira sería a implicación da xente: cativos, mozos, adultos, veciños, visitantes (da provincia, do país e do Estado)… Doutra banda, as características propias da cidade e o seu modelo que permiten a súa celebración da forma en que todo o mundo a coñece e a vive. «Pontevedra conta cun espazo público que pode recibir toda esta afluencia de xente e xerar unha festa única», sinalou.