A Deputación propón un sistema de control de fluxos en seis puntos de información turística de Pontevedra


A Deputación de Pontevedra segue fomentando novas medidas para impulsar a transformación dixital do destino Rías Baixas a través do programa “Tourist Inside II”. Nesta ocasión, trátase de dúas novas iniciativas coas que, por unha banda, a Deputación dotará seis oficinas de información turística da provincia dunha ferramenta para xestionar o fluxo de persoas e controlar a capacidade, e, ademais, tamén poñerá en marcha un curso en liña para formar o persoal das oficinas na xestión de destinos turísticos intelixentes. Ambas as dúas medidas suporán un investimento de 36.000 euros.

No referido á ferramenta de xestión do fluxo de persoas e control da capacidade e distanciamento social nas oficinas adheridas á rede Info Rías Baixas, beneficiaranse o palacete das Mendoza (sede central e punto de información de Turismo Rías Baixas en Pontevedra) e outros cinco puntos dos 32 que compoñen a rede, concretamente as oficinas turísticas dos concellos de Baiona, Mondariz-Balneario, Redondela, Sanxenxo e Tui, todas elas cunha superficie de máis de 50 m2. A plataforma e os dispositivos asociados permitiranlle á Deputación obter información estratéxica e operativa para avanzar na mellora dos servizos que presta actualmente a rede. De feito, os datos, que se obterán en tempo real e con alta precisión, permitirán unha xestión máis intelixente e mellorada para darlles un mellor servizo ás persoas visitantes.