A Deputación e o Concello márcanse o obxectivo de potenciar de xeito turístico o recinto feiral de Moeche


O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e a alcaldesa do Concello de Moeche, Beatriz Bascoy, veñen de asinar o convenio de colaboración para dinamizar e potenciar o turismo do Recinto Feiral e as Feiras Monográficas celebradas no municipio.

A entidade provincial apoia este proxecto cunha achega de 38.904 euros, o 80 % do financiamento total do proxecto, que ascende a 48.630 euros. O obxectivo é dinamizar e potenciar de xeito turístico o recinto ao longo de todo o ano.

Segundo indica o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, "estas feiras, centradas en temáticas específicas como gastronomía, artesanía, turismo, moda ou tecnoloxía, atraen visitantes de diversas partes de todo o mundo, xerando un impacto significativo no Concello, converténdose nun elemento dinamizador do turismo".