A Deputación de Lugo enmarca o Caudal Fest nas súas accións de promoción turística


A Deputación de Lugo apoia cunha achega económica de 50.000€ a celebración do Caudal Fest. O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, visitou onte o recinto para supervisar xunto á Alcaldesa, Lara Méndez López, e os organizadores, as tarefas de montaxe do festival, que se celebrará este venres e sábado na capital da provincia.

Miguel Fernández enmarcou esta nova aportación da institución provincial para celebrar o evento, consolidado como unha das grandes citas musicais do panorama galego e nacional, na súa aposta por un modelo de turismo de calidade, sostible, de experiencias e cunha oferta altamente diversificada para atraer visitantes ao longo de todo o ano. “Un turismo que actúa como elemento dinamizador das economías locais, que favorece o equilibrio territorial e que aproveita todos os recursos e atractivos que temos na provincia”, subliñou o Deputado.