A Deputación axuda á consolidación da Ruta BTT Terra Chá Queixo San Simón da Costa

A Deputación de Lugo colabora coa Ruta BTT Terra Chá Queixo San Simón da Costa, que se celebra o vindeiro sábado 7 de outubro entre os concellos de Muras, Xermade e Vilalba. A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participou este luns na presentación a cita, un acto que tivo lugar na Casa da Cultura da capital chairega, e que contou tamén coa presenza da alcadesa de Vilalba, Elba Veleiro; o alcalde de Xermade, Roberto García Pernas; o alcalde de Muras, Manuel Requeixo; e o organizador da proba e presidente do Club Ciclista Terra Chá, José Carreira.

Marisol Morandeira deu os parabéns aos organizadores por sacar adiante a Ruta, “xa consolidada no calendario deportivo da provincia. Aínda que este ano non se puido disputar en abril, coincidindo coa celebración da Feira do Queixo de San Simón, o importante é que hoxe estamos aquí, e que outro ano máis será unha realidade”. Nese sentido remarcou as felicitacións ao Club Ciclista Terra Chá, que celebra nesta edición o seu décimo aniversario, “por ser quen de sortear as dificultades e organizar unha nova edición da ruta”.

Lembrou Marisol Morandeira o modelo de turismo polo que aposta a Deputación dende hai anos, de proximidade e experiencias, “que encaixa perfectamente con esta iniciativa, e por iso colaboramos cunha axuda económica para que a ruta sexa unha realidade”. A institución provincial achega 3.000€ para a celebración desta cita.