A Deputación apoia a dinamización turística do recinto feiral de Moeche, na Coruña


A Deputación da Coruña aprobou por unanimidade na sesión plenaria celebrada o venres o convenio polo que se instrumenta a subvención nominativa para o financiamento do proxecto "Dinamización e potenciación turística do recinto feiral de Moeche e as súas Feiras Monográficas 2023".

A entidade provincial apoiará esta actividade cunha achega de 38.904 euros, o 80 % do financiamento total do proxecto, que ascende a 48.630 euros.

O obxectivo deste proxecto é dinamizar e potenciar de xeito turístico o recinto feiral de Moeche e as súas feiras monográficas do ano 2023.

Os días 11 e 23 de cada mes Moeche énchese de vida e actividade grazas á celebración de feiras mensuais e os mercados, converténdose nun potente alicerce da economía grazas aos produtos locais.

Ademais, ao longo do ano celébranse un total de catro feiras monográficas que contan cun gran valor turístico e patrimonial para o municipio: a Feira do Queixo, a Feira do Cabalo, a Feira de Gando Vacún Raza Rubiga Galega e a Feira das Fabas.