O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o deputado provincial Antonio Leira, e o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, continuaron coa súa axenda de reunións e actividades na viaxe institucional da Deputación a Irlanda co obxectivo de difundir en ambos países o Camiño Celta, unha ruta xacobea que desde hai séculos conecta Galicia coa illa esmeralda.
A delegación coruñesa visitou a sede da embaixada de España en Irlanda, onde mantiveron unha reunión de traballo co embaixador, Ion de la Riva Guzmán, e o conselleiro de Turismo, Rubén González Pulido, coa intención de estudar accións para promocionar o Camiño Celta en ambos países.
Formoso interesouse pola poboación galega que vive en Irlanda, polas relacións comerciais en sectores estratéxicos como a pesca e por localidades coma Castletownbere, onde residen de forma permanente un elevado número de galegos e onde recalan os numerosos buques galegos que traballan nas augas do Gran Sol.