A carne de produción ecolóxica de Ternera Gallega Suprema contará cun distintivo específico na súa etiquetaxe


Co impulso e a participación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria asinouse un convenio de colaboración entre o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e o Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas de Carne de Vacún de Galicia, que xestiona a IXP Ternera Gallega, para a realización conxunta das actividades de control e de promoción da carne de Ternera Gallega Suprema que conte tamén coa certificación da produción ecolóxica. A finalidade principal do convenio é a identificación no mercado desta carne que ten unha dobre certificación cunha etiqueta específica conxunta.

Ambos consellos reguladores comprométense a colaborar nas tarefas de control e certificación desta carne e a desenvolver, co apoio da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, actividades de promoción específica para esta produción.

Dentro da IXP Ternera Gallega, a carne da categoría Suprema procede de animais que se crían en explotacións con vacas nai, que tiveron un período de lactación materna mínimo de  sete meses e que se sacrificaron antes dos dez meses.