200.000 euros para controlar a vendimia en coordinación cos consellos reguladores



A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, pon en marcha por quinto ano consecutivo os controis na vendima para asegurar e preservar a calidade dos viños das denominacións de orixe (DO). Este é un plan propio da Xunta, ao que se destinan preto de 200.000 euros, e que ten como principal obxectivo evitar situacións fraudulentas que se poidan producir desvirtuando o sistema xeral de control de calidade diferenciada dos viños galegos con selo de calidade. O Plan de control da vendima 2023 conta cun equipo formado por 18 persoas, das cales 15 son inspectores de campo e tres son enxeñeiros agrónomos. Este programa púxose en marcha en coordinación con todos os consellos reguladores de cada unha das denominacións de orixe (Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei). No ano 2022 os inspectores realizaron o control sobre 3.400 parcelas, que corresponden a un total de 200 viticultores das diferentes denominacións. Durante a presente campaña realizaranse os mesmos controis que nas anteriores. Así, faranse inspeccións a viticultores, adegas, transporte (verificación de cargas e descargas), controis de centros de aprovisionamento, controis de capacidade e vixilancias nocturnas e diúrnas.