O alcalde, Abel Caballero, anunciou a creación dun Comité de coordinación do Nadal para que este evento “siga a medrar no conxunto da cidade e minimizar os efectos colaterais que producen algunha dificultade na cidade”. Tal e como explicou o rexedor, este “fenómeno turístico emerxente, o máis importante de Europa, pasou de 0 a 6 millóns de visitantes en catro anos”.
Para o rexedor o Nadal en Vigo xa ten “rango mundial” e produce unha das maiores grandes mobilizacións de turistas nunha cidade, cun retorno económico de 1.000 millóns. De aí que o goberno local, en aras de mellorar este evento tanto para turistas como a propia cidadanía de Vigo, aborde no Comité cuestións relativas ao tráfico, seguridade, ordenación cidadá, mobilidade, cooperación co sector hoteleiro, situación da decoración do Nadal e atraccións, e demais.