Oímbra prepara o domingo 1.500 quilos de pemento para a degustación dos asistentes


A sala de prensa da Deputación de Ourense acolleu onte a presentación da XXVI Feira do Pemento de Oímbra, na que o próximo domingo, día 6, vanse preparar 1.500 quilos deste produto para a degustación dos asistentes, nunha cita gastronómica e festiva que tamén inclúe un amplo programa de actividades. Na presentación da feira participaron o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino.

Rosendo Fernández destacou o labor de "promoción e dinamización do produto local" que permite este evento, lembrando a condición de Festa de Interese Turístico Galega e a calidade recoñecida dos pementos de Oímbra ao estar baixo o amparo dunha Indicación Xeográfica Protexida. Coa colaboración do Inorde, como entidade adscrita á Deputación, esta feira enxalza "o rei da horta de Oímbra", dixo Fernández, poñendo en valor as súas particulares características, entre as que citou o seu sabor, textura, forma, lonxitude e peso.