O programa de termalismo Depotermal atrae a 2.500 pontevedreses e pontevedresas


Case 2.500 persoas da provincia desfrutarán este ano de Depotermal, o programa de termalismo social da Deputación de Pontevedra. Como destacou en rolda de prensa o presidente provincial, Luis López, “facilita o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en balnearios, talasos ou spas da provincia”. A Xunta de Goberno da Deputación adxudicou o total de 2.447 prazas, das que preto de 700 (664) son para a modalidade de asistencia diúrna durante cinco días ou tardes consecutivas. O resto, case 1800 (1.783), inclúen pernoita e pensión completa con entrada o domingo e saída o venres.

“Depotermal” está destinado a persoas maiores de 50 anos, xubilados, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de discapacidade igual ou superior ao 65% e tamén ás que precisen dun respiro familiar. Luis López destacou que, con esta iniciativa, a Deputación busca “dinamizar a economía, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo nun sector clave como é o turístico durante os períodos de menor actividade, ao desestacionalizar a demanda”.