O informe de Bandeiras Azuis pon o broche de ouro a un verán espectacular en Marín

O verán está a dar os seus últimos coletazos e, con eles, chega o balance do que foron estes meses estivales. En xeral, en Marín notouse unha importante afluencia de turistas aos nosos areais, tanto de Galicia como de fóra da nosa comunidade autónoma.

Por iso o Concello sabedor de que o seu litoral é o maior atractivo durante o verán, realiza un mantemento, control e limpeza das praias para que estean en perfecto estado, ademais de para preservalas a través dunha liña de traballo sostible e respectuosa co medio ambiente.

E ese traballo ten o seu recoñecemento, tal e como se pode ler no informe emitido pola Adeac, o organismo encargado de repartir as Bandeiras Azuis e de facer o control sobre as praias nas que ondea este distintivo.

Desta vez, a Adeac parabenizou ao Concello polo bo servizo de socorrismo que se habilitou durante todo o verán en todos os areais. En canto a algunhas das recomendacións ou avisos que se deron, fóronse subsanando ao longo destes meses, como por exemplo a existencia dunhs graffitis na praia de Portocelo e outros en Mogor, que foron retirados, ou a mellora da sinalización dos baños accesibles tamén en Mogor, entre outras cuestións.