O Goberno local e AHOSVI cooperarán para seguir mellorando o turismo na cidade



O alcalde de Vigo, Abel Caballero e o sector hoteleiro da cidade mantiveron unha xuntanza para compartir opinións do momento que está a vivir o sector turístico na cidade. Para o alcalde, “estamos nun momento bo, cunha ocupación boa e afluencia positiva e con niveis tamén altos noutras épocas do ano como o Nadal”.

Caballero trasladou á directiva de AHOSVI que o obxectivo e seguir na mesma liña e propuxo unha xuntanza cada dous meses para a análise da situación. Neste primeiro contacto coa estreada dirección, o rexedor trasladou a súa idea de mellorar o Nadal, eliminando os efectos colaterais percibidos anos anteriores como os accesos aos aparcamentos do centro e facelo máis fluído e disuadir vehículos do centro nos momentos de máxima afluencia. Os hoteis cooperarán coa difusión desta información. “O Nadal foi a bandeira do turismo en Vigo”, sentenciou o alcalde.

Ademais, para mellorar a atención aos visitantes, os hoteis da cidade trasladarán información de servizo que poidan ser de interese e relevante.

O rexedor e o sector fan unha boa valoración da acción que se está a desenvolver desde o ámbito municipal para o turismo de Vigo, algo que debe servir para potenciar o turismo de congresos: “Temos posibilidades e a realidade é ilimitada”, augura Caballero. Outro punto destacado é Vigo como referente musical, con concertos e no verán cos grandes artistas en Castrelos.