O exciclista vasco Igor Antón, apadriña a terceira edición da marcha cicloturista pola Ribeira Sacra


O exciclista profesional vasco Igor Antón, gañador de diferentes etapas de la Vuelta a España (2006, 2010 e 2011) e dunha do Giro de Italia, será o padriño oficial da terceira edición da marcha cicloturista pola Ribeira Sacra que organiza a Deputación de Ourense a través do Inorde co apoio de Turismo de Galicia. Este evento deportivo de carácter non competitivo, celebrarase o vindeiro 24 de setembro. A saída da proba será a partir das 9.30 horas, na localidade de Luíntra, no municipio de Nogueira de Ramuín.

Este evento forma parte da estratexia da institución provincial de apostar por un ecosistema deportivo que contribúa a promocionar os recursos naturais, paisaxísticos e patrimoniais do territorio a través do deporte. Nesta ocasión, tamén axuda a promover o cicloturismo na nosa provincia, xa que presenta unhas condicións idóneas para esta disciplina deportiva.