O Concello de Vigo promociona o turismo de proximidade con visitas ás Cíes


O alcalde de Vigo explicou que se trata dunha actividade gratuíta dirixida a familias empadroadas en Vigo, con algún menor a cargo, para que coñezan a riqueza xeolóxica e natural do arquipélago. “É un programa de gran contido. Queremos que as Cíes sexan recoñecidas no mundo pola importancia que teñen, polo que significan medioambientalmente e que, máis adiante, sexan Patrimonio da Humanidade”.

O Concello ofrece 2.000 prazas nas webs www.vigo.org e www.xuventudevigo.org nas que as familias poden reservar viaxe algún dos nove barcos que partirán da Estación Marítima os días 5, 6, 7, 8, 10, 23 e 30 de setembro e os días 1 e 7 de outubro. A saída será ás 10:30 horas da mañá e o regreso a Vigo ás 18:30.

A actividade nas Cíes inclúe unha ruta de sendeirismo e unha visita guiada para coñecer a riqueza xeolóxica, a lagoa dos nenos, a historia da formación da ría e do arquipélago e, pola tarde realizarase unha xincana familiar na que se “xogará” coas aprendizaxes da visita.