O Concello de Santiago remítelle á Xunta de Galicia unha proposta de proxecto de lei sobre a taxa turística

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, vén de remitirlle esta mañá ao presidente da Xunta a documentación sobre a taxa turística que, ademais dun exhaustivo informe sobre a súa aplicación práctica, inclúe a "Proposta de proxecto de lei do imposto sobre estadías turísticas en establecementos da Comunidade Autónoma de Galicia".


Trátase dun documento que, entre outras cuestións, detalla os supostos en que sería aplicable o imposto á estadía turística; así como o tipo de gravame e cota tributaria segundo a tipoloxía e categoría dos establecementos hoteleiros, cámpings ou áreas de caravanas. Xunto coa proposta de proxecto de lei, a alcaldesa tamén lle remite ao presidente un extenso informe sobre a aplicación da denominada taxa turística realizado para o Concello de Santiago polo profesor César García Novoa, catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Santiago de Compostela. Este informe baséase no que xa elaborara o mesmo docente e investigador para o goberno anterior, mais cunha actualización que ten data do 1 de agosto de 2023.