Máis protagonismo para a agricultura ecolóxica e o turismo no Festival da Luz de Boimorto

Un ano máis, a Deputación da Coruña promociona os produtos artesanais e ecolóxicos da provincia no Festival de La Luz, que se celebrará en Boimorto de 25 ao 27 de agosto.

Un total de 35 empresas e asociacións coruñesas do ámbito da artesanía, a ecoloxía, a creación artística ou a innovación compartirán os stands instalados pola Deputación no Mercado da Luz, unha área de 500 metros cadrados ubicada no recinto do evento, onde se realizarán exposicións, presentacións e degustacións dos seus produtos.

Como en anteriores edicións, a Deputación da Coruña reservará tamén un stand propio para promocionar a provincia como destino turístico entre as miles de persoas que cada ano asisten ao festival.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lembrou que "ademáis de terse consolidado como un evento cultural e solidario de referencia, o Festival de La Luz é un excelente escaparate para mostrar o enorme potencial do rural coruñés no ámbito da artesanía, a creatividade e a innovación".

Productos agroalimentarios e de agricultura ecolóxica, doces e conservas artesanais, olería, cestería e artesanía en pel e madeira, ourives e deseñadores de prendas textís de carácter artesanal son algunhas das actividades que terán presenza neste atractivo Mercado da Luz, que complementa a ampla oferta cultural e lúdica deste evento durante a última fin de semana de agosto.