En ruta coa Depu mobiliza a unhas 400 persoas que coñecerán a provincia de Pontevedra


A Deputación de Pontevedra organizará os próximos días sete saídas no marco do programa provincial  En ruta coa Depo, unha iniciativa que lles ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos de Cangas, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Silleda, Tomiño e Covelo mobilizarán preto de 400 persoas (378 participantes, 54 de cada entidade) para coñecer emblemas da provincia coma o santuario de Santa María da Franqueira na Cañiza, a illa de Tambo, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, o barrio mariñeiro vigués do Berbés ou dar un paseo pola ría de Arousa en barco.

A través de “En ruta coa Depo” a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas fináncianse ao 100 %, co obxectivo de achegarlles o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.