"En ruta coa Depo" rompe todas as previsións en Pontevedra


A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana outras 17 saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos de Vila de Cruces, A Estrada, Redondela, A Lama, Pontevedra, Lalín, Vigo, Mondariz, O Porriño, Oia e Ponte Caldelas mobilizarán un total de 918 persoas (54 por identidade) para coñecer diversos enclaves da provincia como os conxuntos históricos de Baiona e Cambados, a ría de Arousa, as illas de Ons, Cíes e Tambo ou os pendellos de Agolada.

Este sábado 19 de agosto sairán oito entidades da provincia con “En Ruta coa Depo”. A Asociación de Mulleres Rurais de Loño de Vila de Cruces coñecerán en Baiona o conxunto histórico, a Casa da Navegación e os seus paseos principais, mentres que a Asociación de Mulleres Rurais de Tabeirós da Estrada fará unha ruta pola ría de Arousa (Illa da Toxa, degustación en barco e visita ao Museo da Salgadura do Grove). Desde Redondela sairán tres entidades: a Asociación de Mulleres Arela de Saxamonde fará o recorrido pola ría de Arousa, a ANPA do CEIP Igrexa de Chapela visitará a Illa de Ons e Portonovo, e a Asociación Cultural e Recreativa de Quintela percorrerá o concello de Cambados. Desde A Lama e Lalín sairán a Asociación de Veciños de Xende e Paradela e mais a Asociación de Mulleres en Igualdade de Donramiro para coñecer as illas Ons e Portonovo, e a Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente (Pontevedra) visitará as Illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés (Vigo).