Constituída a “Mesa Termal” para impulsar novos balnearios e mellorar os existentes en Ourense




A Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) constituíron a "Mesa administración-sector termal", una unidade que facilitará a coordinación de todas aquelas iniciativas que permitan impulsar a ampliación e sustentabilidade do sector termal na provincia.

O encontro entre as tres administracións celebrouse no Pazo Provincial coa presenza da deputada delegada de Políticas Sociais e portavoz do goberno da Deputación, Patricia Torres; o presidente do Inorde e deputado delegado de Termalismo, Rosendo Fernández; a titular da xefatura da Área de Turismo Termal da Xunta, Belén Gómez; os xefes de servizo de Sanidade e Minas da administración galega, José Martínez e Xosé Rodríguez; o conselleiro técnico da presidencia da CHMS, Manuel Sarria; e o director da Área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira.

Para a segunda metade de setembro está prevista unha nova reunión da mesa, que nesta ocasión estará presidida polos máximos responsables das tres administracións: Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense; Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense; e José Antonio Quiroga, presidente da CHMS.

Na reunión desta mañá fixáronse os obxectivos e metodoloxía de traballo da denominada "Mesa termal", fórmula que os participantes entenden como un "modelo máis proactivo" para facilitar a creación de novos balnearios na provincia, así como a ampliación e mellora dos xa existentes.