Compostela xa ten un código de Boas Prácticas para potenciar un turismo consciente


A concelleira de Turismo, Miriam Louzao, presentou ao tecido asociativo veciñal, así como a axentes dos sectores turístico e comercial e a representantes institucionais a campaña de comunicación e o Código de Boas Prácticas dirixido ás persoas que visitan Compostela. "O obxectivo básico é concienciar sobre o carácter patrimonial da nosa cidade e sobre a importancia de coidala, respectando tanto os espazos e edificios públicos como a propia vida cotiá e o descanso da veciñanza", explicou a concelleira.

O Código recolle 12 principios básicos ou valores a preservar para garantir tanto o dereito ao goce da visita como a obrigas derivadas da mesma. Son: corresponsabilidade, diversidade, autenticidade, singularidade, calidade ambiental, calidade acústica, calidade visual, preferencia peonil, seguridade, dereito ao descanso, tranquilidade e hospitalidade.

Na presentación do Código, que atende unha demanda social dos últimos anos, en especial dos barrios de San Pedro e da cidade histórica que viven un maior movemento diario de turistas e persoas que fan o Camiño de Santiago, estiveron presentes representantes de asociacións veciñais e sectoriais, así como das distintas institucións e administracións implicadas na xestión turística e patrimonial de Santiago. Esta presentación tivo lugar esta mañá no Auditorio de Galicia.