Arra, en Sanxenxo, propón unha fin de semana de exaltación da gastronomía galega


Arra convértese esta fin de semana no epicentro de degustación de produtos típicos da gastronomía galega e da pintura ao aire libre coa XXII Feira Gastronómica de Produtos Galegos e o VIII Certame de Pintura Rápida. A concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, e o presidente da Asociación Cultural San Cayetano de Arra, Bruno Vidal, presentaron ambas as citas nunha das salas do Priorado de Arra. “Estamos encantados de colaborar cunha cita na que se dá unha maridaxe perfecta entre a degustación da gastronomía galega e a arte a través do certame de pintura”, explicou Torres. Unha cita que busca poñer en valor a riqueza paisaxística e cultural de Arra. Este ano contará ademais cun incremento dos premios en metálico cos que se superarán os 3.500 euros e xa se roza a trintena de rexistrados. Baixo a carpa que se sitúa nunha das chairas exteriores da praia de Montalvo poderase degustar polbo, churrasco, empanada… a prezos populares. Tamén se poderán adquirir artigos de artesanía e gozar de boa música e baile tradicional. O venres 4 de agosto, ás 12:30 horas as casetas de degustación e artesanía abrirán as súas portas. Ás 23 horas os asistentes poderán gozar coa actuación do grupo A Raíña do Vudú e discoteca móbil Studio 21. O sábado 5, ademais da degustación, dará inicio a Exposición de Artesanía Galega. Ás 13 horas oficiarase a misa cantada na capela de Arra e ás 14 horas terá lugar a actuación do grupo folclórico Soalleira. Ás 20 horas as casetas abrirán ao público e ás 22 horas comezará o VIII Serán dos Loureiros coa actuación do grupo folclórico Soalleira. Ás 23 horas, actuación do cantautor Rafa Aguín e, a partir de media noite, haberá degustación gratuíta de queimada.