A VI Feira da Cervexa Artesá de Ferrol abre hoxe as súas portas na praza de Armas


A Feira da Cervexa Artesá de Ferrol chega á súa sexta edición, na que novamente colabora o Concello de Ferrol. Nesta ocasión, e debido ás obras de reurbanización da rúa da Igrexa, trasládase á praza de Armas, onde hoxe ás 19:00 horas levarase a cabo a inauguración.

Durante catro días, ata o domingo 13, os amantes desta bebida poderán degustar máis de 60 tipos de cervezas artesás e está prevista a presenza de cerveceiros chegados desde varios puntos da xeografía española, dando así cumprimento a un dos principais obxectivos da feira que é fusionar a cervexa artesá coa comida da rúa creando un espazo cultural diferente.

Ademais, desde a empresa organizadora, La ruta del lúpulo, avanzan toda unha serie de actuacións musicais para animar durante a visita á feira. Así, mañá actuará as 20:00 horas Another wasted year e o venres 11, ás 22:00 horas, Miss Lane and the kryptonians. Na fin de semana os máis pequenos poderán gozar cun taller infantil tanto o sábado (19:30 horas) coma o domingo (19:00 horas), e os maiores coa música de Blackjack o sábado (22:00 horas) e Milómanos o domingo (21:00 horas).

Para pechar a xornada, o domingo haberá un concurso á mellor etiqueta, á mellor cervexa e á mellor foodtruck.