A hostalería lucense participa nun programa para sensibilizar á mocidade sobre o consumo responsable de alcol

Informar para concienciar. Con este obxectivo a área de Xuventude do Concello de Lugo, que dirixe o edil Jorge Bustos, pon en marcha unha nova campaña de sensibilización sobre o consumo responsable de alcol en colaboración coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL). A través desta iniciativa, baixo o título ‘A túa saúde’, o Concello elaborará diferentes materiais divulgativos, como dípticos ou mupis, que serán instalados no núcleo urbano e que conterán información relacionada coa mesma.

“Así mesmo, todos os establecementos da cidade que desexen adherirse recibirán, ademais dun distintivo de local colaborador, materiais como carteis ou pousavasos con códigos QR que enlazan coa páxina do Ministerio de Sanidade na que se proporciona información sobre a prevención do consumo de alcol en menores, consellos, etc”, explicou o concelleiro.