A Feira Franca «máis grande de todos os tempos», á volta da esquina



O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou onte os traballos de restauración e mantemento que se están levando a cabo dos elementos que compoñen a escenografía da Feira Franca na cidade de Pontevedra, e que a empresa Paspallás se encarga de crear ou devolverlle a vitalidade froito do desgaste.

Acompañado do edil de Festas, Demetrio Gómez, o rexedor comprobou como os traballos están xa moi avanzados e entre hoxe e mañá deberían quedar finalizados, restando a súa instalación durante os días antes do comezo da cita medieval, que este ano se iniciará o venres 1 de setembro.

«Hoxe quixemos poñer en valor ese traballo que non se ve, pero que en realidade é moitísimo traballo», sinalou o alcalde. «Preparar xornadas como Feira Franca supón un enorme esforzo a moitos niveis e en moitos eidos. Tódolos anos hai que facer labores de mantemento, o que inclúe repintar, montar e recuperar toda a decoración que se instala na zona monumental e na alameda para que a xente viva o máis parecido a unha festa dos tempos do medievo».