Á Feira do Viño, un espaldarazo á Denomenación de Orixe de Monterrei


Monterrei celebrou esta fin de semana unha nova edición da Feira do Viño, unha cita que acadou un novo éxito de participación. Ao acto asistiron varios representantes das institucións de Ourense.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou na inauguración da XVI Feira do Viño de Monterrei, onde afirmou que esta denominación de orixe "aínda moza, ten unha gran proxección e camiña con pasos decididos cara novos tempos máis maduros".

Na Alameda de Verín, Luis Menor afirmou que a súa presenza na feira, por vez primeira como presidente provincial, non era unha visita máis: "Quixen estar aquí para significar que cando me comprometín a estar no territorio quería dicir precisamente isto: estar ao carón de todas aquelas persoas que, co seu esforzo, fan grande esta provincia".

Menor cualificou os viños de Monterrei como "o resultado do laborioso, pero tamén coidado traballo" que fan adegueiros, produtores, colleiteiros e viticultores en xeral, xerando riqueza e emprego neste val e que hoxe toca recoñecer". O territorio ourensán, lembrou, posúe catro denominacións de orixe, "o que é para sentirse orgullosos" .