A Deputación da Coruña destaca o impulso de Equiocio ao turismo na comarca de Ferrolterra


A deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica da Coruña, Rosa Ana García, participou onte xunto co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, na presentación da edición 2023 de Equiocio, que se celebrará do 3 ao 6 de agosto en Ferrol, coa colaboración da Deputación da Coruña.

A deputada destacou que, tras máis de tres de décadas de traxectoria, Equiocio é un clásico do verán en Ferrolterra e subliñou a contribución do evento á dinamización do turismo na comarca.

"Equiocio é un espazo que favorece a sinerxia entre deporte e natureza, un recurso turístico de gran proxección e un evento deportivo de alto nivel que ademais tenta concienciar sobre o respecto polo medio ambiente e a súa conservación", afirmou Rosa Ana García, que destacou que a proba deportiva ecuestre contará este ano con 300 xinetes e amazonas de diferentes puntos de España e Portugal.