Vegalsa-Eroski impulsa a sostibilidade dos seus proveedores en Galicia



Vegalsa-Eroski pon en marcha un programa ao servizo da súa rede de provedores locais de Galicia que ten como obxectivo acompañalos na mellora das prácticas medioambientais, sociais e de goberno corporativo que aplican nas súas empresas, seguindo criterios ESG. Estas siglas -que responden en inglés ás palabras Environmental, Social e Governance- fan referencia aos factores que converten a unha compañía en sostible a través do seu compromiso social, ambiental e de bo goberno.

“En Vegalsa-Eroski damos un paso adiante no apoio a nosa rede de máis de 1.000 provedores locais a través dun programa pioneiro coma este, no que os convidamos a traballar xuntos en materia de sostibilidade social e medioambiental, unha inquietude compartida tamén co consumidor actual. As compañías de distribución somos unha peza clave na tracción do sector agroalimentario. Conscientes deste compromiso, en Vegalsa-Eroski reforzamos o noso apoio mediante o impulso das producións locais en materia de sostibilidade, un dos nosos eixos estratéxicos”, explica o director de Compras de Vegalsa-Eroski, Jorge Eiroa.

O programa de acompañamento foi presentado recentemente a preto de 300 provedores galegos nun acto virtual que contou coa participación da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia, María Sagrario Pérez Castellanos. Ademais, o proxecto foi presentado por directivos da compañía á vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, quen valorou de forma positiva esta iniciativa.