Pontevedra vive este martes a grande romaría do San Bieito de Lérez


Pontevedra vivirá unha xornada festiva e de ocio as beiras do río Lérez. San Bieito de Lérez trae consigo unha longa xornada de actividades que se moven entre o popular, a tradición e o obxectivo de gozar en comunidade. Esta mañá xa era posíbel albiscar na praia fluvial do Lérez a carpa que ofrecerá sombra e refuxio a todo aquel que se achegue até a romaría popular que comezará as 11.30 horas neste espazo natural.

Porén, unha horiña antes, ás 10.30 horas, Os Alegres partirán desde a casa do concello até os salóns do Lérez lembrándolle á cidade que se atopa en festas. Ás 11.45 horas está prevista a actuación dos Gaiteiros das Rías Baixas e os xa nomeados Alegres. Ás 12 horas Pousos na Area ofrecerán uns pasacalles polas rúas da parroquia de Lérez. Ao mesmo tempo, na praia fluvial, dará comezo á mexillonada popular. Xa pola tarde, ás 17.30 horas, o grupo Pola Vila actuará á beira do río, para logo, xa entrados na noitiña, ás 22.00 finalizar o festivo no adro do Mosteiro de San Bieito de Lérez coa orquestra Triunfo.