O porto Juan Carlos I de Sanxenxo incrementa un 60% os tránsitos de embarcacións con respecto ao ano pasado
O balance de ocupación do porto Juan Carlos I revela un incremento do 60% dos tránsitos no primeiros seis meses do ano respecto a 2022 e un 23% sobre 2019. Un total de 123 embarcacións recalaron nos pantaláns das instalacións municipais con ata 14 bandeiras diferentes. A española é a insignia máis numerosa con 59 barcos seguida de Irlanda (15), Alemaña (10), Suecia (8), Francia (8), Países Baixos (8), Portugal (4), Reino Unido (3), Finlandia (2), Austria (2), Suíza (1), Dinamarca (1), Italia (1) e Noruega (1). En canto á modalidade das embarcacións, 84 eran veleiros e 39, a motor. Nauta Sanxenxo segue detectando un incremento de naves con esloras superiores aos 12 metros, onde se concentra o 57% do tráfico sendo as de ata 15 metros as máis numerosas (47). A esta actividade de tránsito hai que sumar os 370 barcos que teñen Sanxenxo como porto base e que manteñen o seu amarre durante todo o ano. O porto deportivo Juan Carlos I xa colgou o cartel de completo para os meses de xullo e agosto desde abril con estancias superiores aos 15 días. Tamén os amarres para as motos de auga están ao 100% nestes momentos.