O Centro da Cultura Gastronómica Rías Baixas, en Sanxenxo, continúa a dar pasos

O Concello de Sanxenxo ultima o prego para licitar o Centro da Cultura Gastronómica Rías Baixas no Pazo de Quintáns. O proxecto definitivo valorado en 1,2 millóns de euros converterá o espazo nun equipamento único e singular en Galicia. En definitiva, un lugar de interese para visitantes e turistas coa implicación da poboación local, a través da gastronomía local, a hostalería e os sectores produtivos do mar e a terra. Paisaxes e territorios, patrimonio, produtores, transformadores, distribuidores, cociñeiros e hostaleiros, unha cadea que participa na oferta gastronómica e que pode articularse nun importante sistema ou rede sobre a cultura gastronómica, co fin de poñer en valor un patrimonio vivo, especialmente interesante como oferta turística de calidade, estreitamente vinculado a Sanxenxo.