Arrancou o festival PortAmérica, que se alongará ata este sábado 15 de xullo na azucreira de Portas, localide pontevedresa a carán de Caldas de Reis. Polo escenario van pasar artistas como Bad Gyal, Jorge Drexler, Dani Fernández ou Coñecendo Rusia xunto a outros músicos procedentes de ambos os lados do Atlántico.
Xunto a eles outros artistas, os dos fogóns, redondearán esta experiencia gastro-musical, entre outros Javi Olleros, Pepe Solla, Héctor López, Iván Domínguez, Anxo Trives ou Andoni Luis Aduriz, entre un elenco dun total de 30 cociñeiros que brillan con luz propia.
Ademais, espazo gastronómico “Experiencias de calidade” do festival PortAmérica ofrece aos asistentes a este evento gastro-musical a posibilidade de degustar produtos de calidade diferenciada. Esta iniciativa enmárcase dentro das xornadas e eventos do programa de promoción da Agacal para potenciar o coñecemento dos produtos con denominación de orixe protexida e indicación xeográfica protexida.
Nesta ocasión, ao longo dos tres días de festival, do 13 ao 15 deste mes de xullo, naq azucreira de Portas, ofreceranse a probar,entre outros produtos,queixos e viños premiados nas Catas de Galicia 2023, organizadas pola Consellería do Medio Rural. Ademais, para dinamizar aínda máis esta experiencia, contarase coa presenza de Juanjo Figueroa Teus, presidente da asociación Galega de Sumilleres e con Salomé Beiroa Fernández, experta catadora de queixos e membro do Panel de Cata dos Queixos Galegos.