Ferrol publica un folleto turístico co que coñecer as actividades culturais e de ocio do verán na cidade



Concello de Ferrol, a través da Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, editou un total de 3.000 unidades dun folleto turístico co que dar a coñecer as actividades turísticas, culturais e de ocio para gozar deste verán na cidade.

A concelleira de Turismo, Maica García, foi a encargada de presentar esta guía redactada en castelán, galego e inglés. Está dispoñible nas oficinas municipais de turismo da cidade, na oficina de turismo da Xunta de Galicia e comezarase a repartir en establecementos de hostalería e nas oficinas de turismo da comarca. Tamén pode consultarse na páxina web de turismo www.visitferrol.com.

A través das súas 20 páxinas, o folleto ofrece datos concretos como datas, horarios, prezos das visitas guiadas ao patrimonio cultural da cidade e outras actividades de turismo activo que ofertan empresas do concello, sendo así un complemento aos contidos recollidos no portal dixital de turismo.