Constituída a nova Asemblea do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade tras as eleccións locais


A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, vén de participar na constitución da Asemblea do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade que tivo lugar na sala nobre da Casa Castellarnau de Tarragona. Nunha xuntanza previa, que tivo lugar na tarde de onte na Casa Consistorial da cidade, constituíse a Comisión Executiva da que forma parte a alcaldesa de Santiago xunto aos alcaldes de Tarragona, La Laguna, Segovia e Salamanca. Ademais, Goretti Sanmartín será vicepresidenta primeira da entidade e presidirá a Comisión de Patrimonio onde, xa anunciou esta mañá, traballará para introducir iniciativas que reflexionen e promovan a sustentabilidade turística e campañas de sensibilización e concienciación sobre un turismo responsable. Neste sentido, asegurou que "é moi necesaria unha reflexión e análise no marco desta asociación de cidades patrimonio sobre a masificación en determinados lugares e en determinados momentos do ano e impulsar iniciativas encamiñadas a acadar un turismo de calidade e un turismo sustentable no tempo".

Pola súa banda, o presidente do Grupo e alcalde de San Cristóbal de la Laguna, Luis Yeray Gutiérrez, salientou "a importancia deste Grupo que representa a marca España e que estre ano cumpre o seu 30 aniversario, con tres décadas de historia de defensa do Patrimonio Mundial do noso país. Un Grupo que ademais é un símbolo de traballo conxunto en favor da cidadanía e da promoción nacional e internacional dos nosos destinos".