A Xunta oferta de máis 1.200 prazas de termalismo social


A Asociación de Balnearios de Galicia vén de celebrar a súa Asemblea Xeral no balneario de Compostela (Brión). No transcurso da xuntanza os balnearios manifestaron “a importancia da nova convocatoria do Programa `Benestar en Balnearios 2023´ da Xunta de Galicia para a o sector galego, tanto para as empresas como para o conxunto das comarcas nas que se atopan”.

Así, tralo éxito da anterior convocatoria, a Xunta de Galicia duplicou o número de prazas para estadías en establecementos da comunidade no marco deste programa, que se elevan a un total de 1.246. Agárdase que participen uns 15 establecementos das catro provincias galegas.

Esta iniciativa, destinada a favorecer un envellecemento activo e saudable, diríxese a persoas maiores de 60 anos. Ademais de desfrutar dun tempo de lecer en compañía e de beneficiarse de tratamentos termais, os participantes teñen seguimentos médicos e unha ampla oferta de actividades de animación sociocultural durante a súa estadía no balneario. O programa desenvolverase no último trimestre deste ano. As estadías serán de dez días e nove noites con aloxamento, manutención en réxime de pensión completa e os tratamentos termais.