A segunda ruta do programa Depo-Auga terá lugar esta fin de semana polo Verdugo e as salinas de Ulló




O programa provincial Depo_Auga, co que a Deputación de Pontevedra oferta actividades de pádel surf e caiac en contornas de ríos e rías da provincia, chega esta fin de semana ao concello de Vilaboa, onde se desenvolverá os días 15 e 16 de xullo na desembocadura do río Verdugo e as Salinas do Ulló.

A actividade consistirá nun roteiro circular de aproximadamente 5 quilómetros no que se poderá gozar de distintas paisaxes entre a desembocadura do río Verdugo e as salinas do Ulló (Vilaboa) e navegar dentro do espazo natural protexido Rede Natura 2000. A actividade comezará na praia do peirao de Arcade, desde a que as persoas participantes visitarán lugares deste espazo natural como as illas Alvedosas e as salinas do Ulló. A ruta seguirá cara a ponte medieval de dez arcos que dá nome á parroquia de Ponte Sampaio e bordeará a Illa de Medal, á que se accede a través dunha pequena ponte levadiza. A actividade finalizará na mesma praia na que comezou. En cada unha das xornadas participarán 16 persoas.