A Deputación revalida o seu compromiso co Atlantic Fest, símbolo das potencialidades do destino Rías Baixas


A Deputación revalida o seu compromiso co Atlantic Fest, que terá lugar entre o xoves 20 e o domingo 23 de xullo e se enmarca na marca provincial Rías Baixas Fest. Na presentación do evento participou o deputado provincial Marcos Guisasola que remarcou a súa importancia como “símbolo desta provincia, que pon Vilagarcía e Pontevedra no mapa e impulsa a economía da cidade, comarca e provincia”. Xunto ao deputado déronse cita no acto o alcalde  de Vilagarcía, Alberto Varela; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; a co-directora do Atlantic Fest, Susana Laya, a directora da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Begoña Mesejo, así como representantes de Mahou San Miguel, Bodegas Martín Códax e a Fundación Paideia.

A aposta da Deputación de Pontevedra polo Atlantic Fest enmárcase na política de sumar sinerxías e tender lazos de colaboración entre administracións e co sector privado marcada polo presidente Luis López na súa toma de posesión. De feito, o deputado provincial fixo fincapé na necesidade de traballar “xuntas e xuntos” para potenciar a industria cultural e turística xa que Atlantic Fest amosa unha ampla oferta das potencialidades do destino Rías Baixas, dende a música, ata os valores culturais, paisaxísticos, medioambientais e gastronómicos. Neste eido Guisasola felicitou á organización do festival pola súa implicación e compromiso e animounos a “seguir traballando así de ben para que o festival siga así de vigoroso durante moitos anos máis”.