"Verbas da pedra", proposta gañadora para a intervención no convento de Santa Clara, en Pontevedra

 

O estudo de arquitectura ‘Nieto & Sobejano’ vén de gañar o concurso de anteproxectos de Santa Clara coa proposta ‘Verbas da pedra’ e unha puntuación de 86 puntos sobre 100. O deseño -que propón un peche sutil do claustro, unha recepción baixo baldaquino no medio da finca e a creación dun espazo de arqueoloxía de tres plantas semisoterradas na zona leste- destacou principalmente pola excelente organización funcional dos espazos para destinalos a museo e centro arqueolóxico.

A resolución do xurado foi aprobada en Xunta de Goberno, que outorgou o premio principal de 60.000 euros á equipa gañadora e os catro accésit de 30.000 euros ao resto dos anteproxectos: ‘Os inicios’, de Kaan Architecten (80 puntos); ‘Abrente’, da UTE Chipperfield-Carlos Seoane (75 puntos); ‘Piedra y madera’, de Kengo Kuma (73 puntos); e ‘Revelación’, da UTE Snohetta Oslo-Alfonso Penela (69 puntos).